top of page

 

Naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837.

 

Súa nai, dona María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, fidalga, naceu o 24 de novembro de 1804. Dona Teresa tiña trinta e dous anos e tres meses cando naceu Rosalía. Seu pai, don José Martínez Viojo, nacido o 7 de febreiro de 1798, acababa de cumprir trinta e nove e era sacerdote; non puido, polo tanto, recoñecer, nin lexitimar a filla, aínda que si parece que se interesou por ela e encargou do seu coidado ás súas irmás.

 

Foron as tías paternas de Rosalía, dona Teresa e dona María Josefa, as que se fixeron cargo da nena nos primeiros tempos, levándoa a vivir con elas, primeiro en Ortoño, na casa familiar chamada Casa do Castro, e despois en Padrón.

 

Un capítulo interesante dende o punto de vista psicolóxico constitúeno as relacións de Rosalía coa nai. Non sabemos se dona Teresa viu con frecuencia a súa filla mentres esta viviu coa familia paterna; quizais si. E o feito de vivir con ela dende os cinco anos explica o profundo cariño que chegou a inspirar á súa filla. Rosalía casa no ano 1858, interrompéndose a convivencia entre as dúas mulleres. Dona Teresa morre repentinamente catro anos máis tarde, en 1862. Rosalía escribe entón un libriño de poesías, A mi madre, onde dá mostras dunha gran dor e sobre todo dun sentimento de soidade que xa non a abandonará nunca. Nada puido encher o oco que deixara a nai na súa vida.

 

Rosalía debeu sentir pola súa nai, ademais de cariño, compaixón e agradecemento. Como tantas protagonistas dos seus poemas, súa nai era a pobre muller namorada e enganada polo varón. Pero era tamén a muller que, finalmente, se enfrontou á sociedade para recoñecer o froito do seu descoido e reparar así a súa falta.

 

Non sabemos até qué punto estes acontecementos dos primeiros anos da súa vida e do seu nacemento irregular influíron no carácter e na obra de Rosalía. A crítica tendeu a destacar a importancia daqueles feitos. 

 

Que clase de instrución recibiu Rosalía? Parece que foi escasa. Non sabemos se cursou estudos, aínda que os biógrafos se inclinan a pensar que non, agás algo de Debuxo e Música nas aulas da Sociedade Económica de Amigos do País. Un índice da súa escasa escolaridade son as abundantes faltas de ortografía dos autógrafos que conservamos dela.

 

En 1856 trasladouse a Madrid, onde viviu cunha curmá. Comezou a publicar e, en 1858 casou con Manuel Murguía ,escritor. A vida do matrimonio fíxose itinerante debido aos cargos funcionariais de Murguía. En 1859 regresaron a Galiza, onde naceu Alejandra, a súa primeira filla; en 1859, de novo en Madrid, publicou obras en galego e castelán. Logo duns anos en Madrid, trasladáronse a Lugo, e despois volveron a Madrid, onde naceu Aura; as actividades do seu home leváronos por diferentes lugares: Simancas, A coruña(1871-1878),Compostela, Lestrove (1879-1883, residindo no Pazo de Hermida), Estremadura, Alacant... e mentres, foron nacendo máis fillos: Aura, nada en decembro de 1868 (morreu en 1942). Gala e Ovidio, xemelgos, naceron en xullo de 1871  (Gala morreu en 1964

e Ovidio en 1900), Amara, nada en xullo de 1873 (morreu en 1921), Adriano Honorato Alejandro, nado en marzo de 1875, (morreu en novembro de debido a unha caída) e Valentina, nada morta en febreiro de 1877.

Os derradeiros anos da súa vida pásaos en Padrón, na súa casa de A Matanza (hoxe Casa Museo de Rosalía). Alí remata Follas Novas e escribe En las orillas del Sar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Foi enterrada no cemiterio da Adina, na igrexa parroquial de Iria, á que ela cantara nuns preciosos versos de Follas Novas. 

O 25 de maio de 1891 os seus restos foron trasladados á igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago, ó Panteón de Galegos Ilustres, onde repousa na actualidade.

 

 

 


 

 

 

 

Rosalía e Castelao son, sen dúbida, os millores intérpretes da Galiza eterna.

 

 

'"Abre esa fiestra,

que quero ver o mar..."

bottom of page